Thursday 02 de May de 2024

O Concello cede 107.000 metros cadrados no parque de Bens á Fundación Jorge Jove para poñer en marcha o Museo da Automoción


O alcalde da Coruña, acompañado polo presidente da Fundación Jorge Jove, Ángel Jove, anunciou esta mañá que nos próximos días se presentará o proxecto

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá que o Concello cederá un total de 107.000 metros cadrados no parque de Bens para situar o Museo da Automoción e Historia: “Levamos tempo traballando nesta iniciativa e en breve presentaremos este proxecto que achegará un feito diferencial ao noroeste español”, asegurou. No acto tamén participou Ángel Jove, presidente da Fundación Jorge Jove, impulsora desta iniciativa, que cualificou o Museo como unha opción de ocio cultural familiar.
Tal e como explicou o alcalde, o Museo da Automoción e Historia ocupará unha parcela de 107.000 metros cadrados no propio parque de Bens (o que supón unha quinta parte da súa superficie), dos que uns 30.000 se destinarán a zona museística e máis de 70.000 ás instalacións complementarias dedicadas a investigación, formación, ocio e circuítos: “O proxecto baséase en criterios de sostibilidade e toda a edificación estará perfectamente integrada en ámbito”, informou e engadiu que, no caso das instalacións complementarias, estas se poderían desenvolver neste segundo semestre.
“É un feito diferencial do noroeste español pola súa categoría, polas súas pezas únicas e pola gran cantidade de documentación que vai permitir converter o Museo nun centro de investigación e recuperación do patrimonio industrial”, subliñou o alcalde e continuou: “Será un centro de referencia a nivel nacional e internacional por moitas das pezas únicas que posúe”. Neste sentido destacou que, ademais de fomentar o labor investigador grazas a documentos únicos e inéditos que axudarán a comprender a evolución da historia da automoción, se situará un centro de restauración.
Tal e como sinalou o alcalde, este centro de ocio cultural familiar de referencia da automoción permitirá que A Coruña se converta nun destino de primeiro nivel e nun centro de peregrinación para todos os amantes do motor: “Ademais faremos do parque de Bens unha zona máis atractiva e visitable, para que os amantes do automóbil poidan compartir o que foron os séculos XIX e XX e realizar unha prospección do XXI”.
Ángel Jove, pola súa banda, destacou que a súa colección está formada por unhas 280 pezas e que o automóbil será un fío condutor máis para repasar a súa historia e evolución ligada á da arte, a tecnoloxía ou a economía.